top of page
Buscar

Quérote

  • aliciapineiro3
  • 21 ene
  • 6 Min. de lectura

Actualizado: 28 abr




No noso centro estamos a empezar a desenvolver o Proxecta Quérote, no que o noso alumnado fará un percorrido sobre as bases da educación afectivo-sexual explorando estes contidos e reflexionando sobre os mesmos.

Que resultados acadaremos?


FICHA 1


Ola a todas e todos!

Como puidestes observar en anteriores entradas, este ano 2024/2025, estamos a desenvolver no IES o Proxecta Quérote+.

Seguro que moitos e moitas de vós estádesvos a preguntar que é e que significa este proxecto.

En primeiro lugar, destacar que o Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades en colaboración con distintos axentes e organismos, neste caso Quérote+, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que posibiliten a aprendizaxe cooperativa, interdisciplinar e competencial.

Neste noso caso, estamos a desenvolver o Proxecta Quérote+, que ten como obxectivo fundamental promocionar entre o noso alumnado o proceso de crecemento e maduración no ámbito da educación para a convivencia entre os sexos (educación sexual, modelos de amor e de parella, uso das tecnoloxías nas relacións, comunicación…), respondendo aos ODS da Axenda 2030 de saúde e benestar, igualdade de xénero e educación de calidade.

Este proxecto desenvolverase a partir de 8 fichas propostas polos nosos compañeiros e compañeiras de Quérote+.

Este material, estase desenvolvendo cos nosos alumnos e alumnas de 3º da ESO na hora de titorías, aínda que contamos coa colaboración de varios departamentos, como os de linguas ou Relixión.

E xa que este traballo interdisciplinar da educación afectiva e sexual empeza a dar os seus froitos… decidimos presentar o seu desenvolvemento á nosa comunidade educativa.

Tal e como expón a titora de 3º C e profe de Reli, Paula sobre esta primeira sesión: "Nesta primeira unidade didáctica coñeceron o servizo de información e asesoramento á mocidade "Quérote+" e, máis concretamente, como contactar coas persoas profesionais que o compoñen para resolver as dúbidas que llles poidan xurdir (sobre sexualidade, diversidade LGBTI+, benestar emocional, bo trato e/ou prevención de embarazos non planificados e ITS). Explicamos como plantexar dubidas a  través do formulario que teñen á súa disposición na páxina web"


Que ganas temos de ver os resultados do noso alumnado!




FICHA 2

Traballar cos nosos alumnos e alumnas a educación sexual é un reto que se nos propón a moitos docentes. Saber como aproximarse a esta dimensión fundamental da identidade humana non é un traballo doado. De feito, moitas veces, sentímonos perdidos e perdidas como educadores e educadoras, xa que a realidade sexual móvense en planos aos que nós non estamos acostumados. Cousas dos nativos e nativas dixitais...

Como queríamos dar resposta ás nosas inquedanzas e ofrecer información segura aos nosos adolescentes, empezamos á aproximación á construción da identidade sexual da ampla diversidade do noso alumnado, a través da FICHA 2 do Proxecta que estamos a desenvolver.

A actividade dividiuse en dúas partes:

Por unha banda, as rapazas e rapaces escribían, cada quen nun anaquiño de papel, aquelas palabras que consideraban esenciais para definir o sexo. Posteriormente, anotamos algunhas destas ideas no encerado, e en canle aberta co profesorado, debatemos e amplificamos a definición de sexo que traballamos.


Posteriormente, demos tempo para escribir de forma anónima dúbidas que puidese ter o noso alumnado en relación á sexualidade.


Por exemplo, en 3º B abriuse un animado debate sobre o porno e o seu uso na actualidade. O profe titor levou a noticia que especificaba que hoxe a primeira visualización de porno faise, de media, aos oito anos, e empezaron a falar sobre esta realidade.


Como vemos, este proxecta axuda a abrir un debate, un espazo e un tempo para que alumnado e profesorado se comunicasen, e á vez, construír unha idea ampla e variada de sexualidade para contribuír a condutas saudables e respectables.

 

Aquí unha fotiño do alumnado de 3ºC comunicándose na aula!




FICHA 3

En relación á identidade e a orientación do desexo, todas as persoas somos diversas. Hai un sen fin de maneiras de sentirse que se manifestan por diversas canles.

Por esta razón, resulta fundamental traballar, dentro deste Proxecta, favorecer a comprensión dos conceptos de identidade e orientación por parte do alumnado, para así, favorecer unha convivencia respectuosa e harmónica entre as distintas orientacións, sexos e identidades, en toda a súa ampla gama e as características propias de cada individuo. Así, potenciamos un factor clave na prevención de calquera tipo de conduta discriminatoria.

Nesta ficha, por unha banda, vimos e analizamos unha serie de vídeos, entre os que queremos destacar este, en particular, polo seu compoñente pedagóxico:

E por outra, deseñamos, entre todas e todos, traballando en aprendizaxe cooperativa, unha serie de carteis para poñer nos espazos do centro, sobre a aceptación da diversidade de todas as persoas.


Deixámosvos algunhas fotiños dos carteis que se traballaron xs nosxs alumnxs



FICHA 3


Durante o desenvolvemento destas sesións, fixemos cos alumnos e alumnas de 3º da ESO un exercicio de crítica e reflexión social moi importante. Importante por dúas razóns:

- Por unha banda, ser capaces de cuestionarse as prácticas e dinámicas da sociedade para ver se se corresponden cos nosos valores e necesidades.

- E, por outra parte, identificar prácticas que. ás veces, poden resultar perigosas, pero están escudadas baixo a imaxe do amor romántico.

Afortunadamente, durante o traballo destas sesións, démonos conta de que, aínda que temos que seguir falando destes temas, e cuestionando certas ideas que veñen “por defecto” na nosa cultura, si que é certo que vemos ás novas xeracións cada vez máis concienciadas. Dúas ideas básicas se repetían durante o traballo deste tema: consentimento e respecto.

Para esta reflexión, acudimos aos media máis potentes nas transmisións de condutas e patróns sociais: ós massmedia; nestas sesións, centrámonos na música e nas series.

Por suposto, as análises que máis se repetiron foron en relación ao reggaetón e á serie Adolescencia.

Vos a vistes? Bastante impactante.

As nosas alumnas e alumnos saben o que é amor de bo rollo! Todo esto o aprendemos na clase de Valores!


FICHA 4

Na 5ª unidade didáctica traballamos o tema: A relación dos sexos a través da Tecnoloxía , utilizaremos o seguinte cuestionario para debatir:

 

1- Se envío un whatsapp a alguén que está en liña e non me contesta sinto frustración e ás veces mesmo enfado.

2- Se estás en parella o normal é coñecer o código de acceso do seu teléfono xa que non hai nada que ocultar.

3- Polas redes sociais digo cousas que non diría en persoa, tanto boas como malas.

4- Cando remata unha relación de parella, as fotos que formaron parte da intimidade da parella poden pasarse a xente allea á relación.

5- Despois de ter varias citas cunha persoa e esta desaparece, deixa de escribirche e mesmo te bloquea, iso é o normal, quere dicir que xa non ten interese.

6- A pornografía ofrece unha visión distorcida da sexualidade.

7- A diversidade corporal é unha realidade, así que é natural que nas redes se amosen corpos diversos.


Aportamos a relación estatística que fixo a titora de 3ºC en relación ao desenvolvemento desta ficha:

 

1- Na pregunta “Se envío un whatsapp a alguén que está en liña e non me contesta sinto frustración e ás veces mesmo enfado” o 70% dos alumnos contestou Verdadeiro.

2-Na pregunta “Se estás en parella o normal é coñecer o código de acceso do seu teléfono xa que non hai nada que ocultar” , todos os alumnos contestou un rotundo NO (100% Falso)

3-Na pregunta N.º 3 houbo moito denbate: “Polas redes sociais digo cousas que non diría en persoa, tanto boas como malas”, 50% de Verdadeiro e 50% Falso.

 

4- Todos os alumnos teñen interiorizado e asumido que ; despois de ter varias citas ca persoa  esta desaparece, deixa de escribirche e mesmo te bloquea, iso é o normal, quere dicir que xa non ten interese. (100% Verdadeiro)

 

5- Na pregunta N.º 5: Cando remata unha relación de parella, as fotos que formaron parte da intimidade da parella poden pasarse a xente allea á relación.

O 80% dos alumnos coincide en que  as fotos  formaron parte da intimidade e non deben pasarse a ninguen.

6- A pornografía ofrece unha visión distorcida da sexualidade.

Resposta contundente do total do alumn@: 100% Verdadeiro

 

7- A pregunta: “A diversidade corporal é unha realidade, así que é natural que nas redes se amosen corpos diversos”. Resposta contundente do total do alumn@: 100% Verdadeiro

 
 
 

Comments


bottom of page